Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Novembro 2025.

12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de setembro

    Nova entrega da campaña de sensibilización do Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia.

    24/09/2025.
    Definicións do mes de setembro. Campaña '12 meses pola igualdade'

    Definicións do mes de setembro. Campaña '12 meses pola igualdade'

    DEREITOS FUNDAMENTAIS. Segundo a Constitución, son os dereitos inherentes á persoa e mais á súa dignidade e, polo tanto, son inviolables, inalienables e irrenunciables. Respectalos é unha obriga legal que limita a actuación tanto doutras persoas como dos poderes públicos sobre a persoa.

    A diferenza principal entre estes dereitos e os humanos radica no territorio onde resultan de aplicación, pois os dereitos fundamentais teñen no noso país un referente directo na Constitución, mentres que os dereitos humanos se aplican en calquera territorio e son, polo tanto, atribuíbles a todas as persoas sen limitación ningunha.

    En España contamos cos seguintes dereitos fundamentais nas diversas esferas:

    Dereito á vida, ao matrimonio, á propiedade, na esfera persoal.

    Dereito á igualdade ante a lei, á liberdade de expresión e á información, no eido público.

    Dereito a unha educación libre e gratuíta, á sindicación e á folga, no ámbito socioeconómico.

    DEREITOS LABORAIS. Baixo o paraugas desta denominación, definidos dentro dos dereitos fundamentais en España, atopamos desde o dereito xenérico ao traballo, pasando polo dereito á ocupación efectiva, á promoción e formación, ata toda a regulación incluída no Estatuto das persoas traballadoras e mais no EBEP, así como o articulado recollido nos convenios colectivos, plans de igualdade e acordos colectivos do noso país. 

    Así mesmo, o recoñecemento do papel dos sindicatos, do dereito á folga, da negociación colectiva e dos conflitos colectivos ou á seguridade e á hixiene no traballo son tamén dereitos laborais de toda a poboación española e constitúen, en conxunto, a estrutura das nosas relacións laborais desde un punto de vista constitucional.

    Destacamos, entre todos eles, o dereito á non discriminación no ámbito laboral por razón de sexo ou de xénero, estado civil, idade, orixe racial ou étnica, condición social, relixión, ideas políticas, orientación sexual, identidade de xénero ou características sexuais, afiliación sindical ou discapacidade.

    Interrupción voluntaria do embarazo (IVE) / dereito ao aborto. O aborto é unha interrupción do embarazo que pode darse por causas orgánicas ou fisiolóxicas, tanto de maneira espontánea (detención natural do desenvolvemento do embrión ou feto) ou que pode ser necesario realizalo por indución (provocado por diversos procedementos e causas). Doutra banda, a interrupción voluntaria do embarazo é un aborto que se realiza en cumprimento da vontade da persoa embarazada.

    Incluímos esta descrición no mes de setembro por coincidir co día en prol do dereito ao aborto libre e gratuíto, pois entendemos que todas as persoas teñen dereito a tomar decisións que rexan os seus corpos sen discriminación, coacción nin violencia e a acceder a servizos de saúde reprodutiva e sexual que apoien o dito dereito e ofrezan un enfoque positivo da sexualidade e a reprodución, dado que a sexualidade non é, nin máis nin menos, que unha parte integrante da existencia humana.


    Máis información no documento anexo.